Tuesday 21 de May de 2024

Sarabela Teatro inaugura este venres con “Morgana en Esmelle” o ciclo cultural Tempo para o Teatro que organiza o Concello de Neda


O novo programa municipal inclúe funcións os venres na casa da cultura, dende finais de outubro ata primeiros de decembro

O Concello de Neda avanzou esta mañá a programación do ciclo municipal cultural Tempo para o Teatro, que arrancará este venres co espectáculo “Morgana en Esmelle” de Sarabela Teatro, e continuará ao longo de novembro e primeiros de decembro. Todas as funcións celebraranse no salón de actos da casa da cultura, os venres ás 20:30 horas. O cartel inclúe, amáis da obra desta semana, o espectáculo “Tres vellas (polo menos)” con Producións Excéntricas -o venres 11 de novembro-; “A lúa vai encuberta” de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante -o venres 18 de novembro-; “As que limpan”, de A Panadaría -venres 25 de novembro-, e “Feminíssimas” de “De Ste Xeito Producións” -venres 2 de decembro-.

As entradas para os espectáculos -ao prezo único de 2 euros- poderán reservarse ou adquirirse na Biblioteca a partir do luns previo a cada función. No caso das reservas -catro tickets máximo por persoa- deberán retirarse dende unha hora antes do inicio da obra.

No caso das entradas para o espectáculo deste venres con Sarabela Teatro xa están a disposición do público. A compañía traerá a Neda a adaptación escénica da novela de Begoña Caamaño. Unha reflexión que xira ao redor da responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos, que conta con elenco de luxo no que figuran Quico Cadaval, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago e Laura Míguez.